headerheader-400header-800
Volver
Iniciar tramitación

SXER - Exercicio dereitos sobre protección de datos

Os dereitos de protección de datos de carácter persoal regúlanse nos artigos 15 a 22 no RXPD e artigos 12 a 18 da LOPDGDD. Son de carácter persoalísimo e poderán exercelos as persoas físicas, en tanto titulares dos seus datos persoais sen coste algún.

Tamén  poderán exercitarse a través de representante, expresamente designado para o exercicio do dereito e debidamente acreditado.

Dereito de acceso

A persoa interesada terá dereito a obter da Universidade de Vigo confirmación de se están tratando ou non os seus datos persoais, e obter copia dos datos obxecto do tratamento e, entre outros, os seus fins, categorías, destinatarios aos que se comunican ou prazos previstos de conservación.

Dereito de rectificación

A persoa interesada terá dereito a obter da Universidade de Vigo, sen dilación indebida, a rectificación dos datos persoais inexactos que lle concirnan. Na solicitude se deberá indicar os datos concretos e a corrección que hai que realizar. Cando sexa preciso, deberase aportar a documentación necesaria que xustifique a inexactitude ou o carácter incompleto dos datos.

Dereito de supresión

A persoa interesada terá dereito a obter da Universidade de Vigo, sen dilación indebida, a supresión dos seus datos persoais cando concorran determinadas circunstancias, por exemplo, se os datos persoais xa non son necesarios en relación cos fins para os que foron recollidos, se o tratamento baseouse no consentimento e retira o mesmo, se houbo oposición ao tratamento fundamentado no interese lexítimo ou no cumprimento dunha misión de interese público, se os datos foron tratados ilicitamente ou deben suprimirse en cumprimento dunha obriga legal.

Dereito á limitación do tratamento

A persoa interesada terá dereito a obter da Universidade de Vigo a limitación do tratamento dos datos cando se impugne a exactitude dos mesmos ou se opoña ao tratamento, durante o prazo de verificación dos motivos. Ou cando o tratamento sexa ilícito e a persoa interesada oponse á supresión ou os precise para a formulación, exercicio ou defensa de reclamacións.

Dereito á portabilidade

Cando o tratamento se efectúa por medios automatizados, a persoa interesada terá dereito a recibir os datos persoais que lle incumban que lle facilitara á Universidade de Vigo nun formato estruturado, de uso común e lectura mecánica e interoperable, e poderá transmitilos a outro responsable do tratamento sen que o impida a Universidade de Vigo cando o tratamento estea lexitimado no seu consentimento ou no marco da execución dun contrato.

Dereito de oposición

A persoa interesada terá dereito a opoñerse en calquera momento, por motivos relacionados coa súa situación particular, a que os datos persoais que lle concirnan sexan obxecto dun tratamento baseado no disposto no artigo 6.1 letras e) ou f) do RXPD (nunha misión de interese público ou en interese lexítimo), incluída a elaboración de perfís. A Universidade de Vigo deixará de tratar os datos salvo que acredite motivos imperiosos que prevalezan sobre os intereses, dereitos e liberdades da persoa interesada, ou para a formulación, o exercicio ou a defensa de reclamacións.

Ás persoas físicas interesadas para o exercicio dos seus dereitos de protección de datos de carácter persoal.

A través da sede electrónica da Universidade de Vigo polo “Procedemento para o exercicio dos dereitos de protección de datos persoais”.

No caso de representación, deberase xuntar á solicitude o documento acreditativo do seu outorgamento e da persoa que o representa

Cando proceda, aportaranse os documentos acreditativos da petición.

A efectos de comprobación de identidade, serán obxecto de consulta por parte da Universidade de Vigo o documento nacional de identidade da persoa interesada ou da persoa representante. No caso de oposición a dita consulta deberá indicarse no recadro correspondente na solicitude e achegar unha copia do documento.

Máis información sobre Protección de Datos: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Normativa aplicable:

Artigos 15 a 22 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello de 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD)

Artigos 12 a 18 da Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD)

Prazo do procedemento:

Máximo un mes, a contar dende a recepción da solicitude. En función da complexidade e o número de solicitudes o citado prazo poderá prorrogarse outros dous meses, do cal será informada a persoa interesada.

Efectos:

No caso de que a Universidade de Vigo non dea curso á solicitude da persoa interesada, informaraa sen dilación, e a máis tardar transcorrido un mes da recepción da solicitude, das razóns da súa non actuación e da posibilidade de presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos ou exercitar accións xudiciais.

Transcorrido o prazo sen que de forma expresa se conteste á solicitude, a persoa interesada poderá pórse en contacto coa Delegada de Protección de Datos da Universidade, ou se o estima oportuno, interpoñer unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos para que inicie un procedemento de tutela dos seus dereitos ou exercitar accións xudiciais.

Os dereitos serán denegados cando  a solicitude sexa formulada por persoa distinta da persoa interesada ou non se acredite a súa representación.


Volver
Iniciar tramitación